ONCE biblioteca da Fundación nenos, Ir a inicioContos que contaxian ilusion

Silvina, Bailarina

Página anterior

© do texto Silvina Bailarina: Eva Latonda 2011 © das ilustracións: Maru García, 2011

Sobre a Síndrome de Down

O teu corpo está formado por millóns de células

Cada unha delas contén un xene, que é como un gran libro de instrucións.

E todos eses xenes están compostos por cromosomas que son como as letras do libro.

Ás veces pode ocorrer que os cromosomas se líen no par 21 e veña algún máis da conta.

É o que se chama Síndrome de Down. Os nenos que teñen esta síndrome teñen un aspecto moi recoñecible, aínda que, á súa vez, son moi diferentes uns dos outros; hainos máis altos, máis baixos, máis delgados, máis gordiños....

Os seus ollos están un pouco resgados e a súa cara é como un precioso luceiro redondo.

Aínda que aprenden un pouco máis lento, eles, igual que todos nós, rin, choran, crecen e soñan, igual ca ti.

Esta é a historia moi, moi especial dunha nena con Síndrome de Down chamada Silvina.

Ola, chámome Silvina, xa sei que Silvina é un nome pouco común, pero é que todo o mundo me di sempre que eu tamén son unha nena fóra do común.

Ademais Silvina rima con bailarina e iso non é casualidade porque bailar é unha das cousas que máis me gusta facer, aínda que non é o único que se me dá ben...

Dende que estaba na barriga de mami, danzaba e danzaba sen parar coma se fose unha serea no medio do mar…

Pliés, relevés, entrechats, saltos en arabesque, e assamblés e sobre todo piqués… moitos piqués, que son os meus xiros preferidos.

E iso que son uns xiros moi difíciles, pero tan bonitos e esveltos que cando os fago parezo unha bolboreta.

A miña pobre nai aceptaba con resignación os botes, os choutos, os saltos e os empurróns…

Se é que xa se sabe o AMOR DUNHA NAI pode con todo.

Julia é o nome da miña e sempre me pareceu precioso, porque sabe a verán e a vacacións.

Precisamente, a primeira vez que me viu a miña nai estabamos de vacacións, alá como polo cuarto mes de embarazo.

Fixéronme unha fotomicrografía (unha foto moi, moi, moi pequechiña), e descubriron que eu viña cun cromosoma de máis.

“Ten trisomía do par 21” dixeron os médicos algo serios.

Papi e mami, ao principio, preocupáronse,

pero rapidamente informáronse ben do que significaba aquilo, e prepararon todo para recibirme como me merecía.

E fixérono realmente ben porque a miña chegada foi tan soada, que aínda segue na casa a algarabía Flores, risas, abrazos e agasallos… Avós, avoas, tíos, tías, curmáns, curmás… Amigos, mascotas, veciños e veciñas… Todos esperándome!

Dende entón teño tanto amor e cariño ao meu arredor que ás veces parece que non me vai caber dentro e, para que non se me caia por todas partes, repártoo en cada coreografía.

Coa axuda do meu profe, vou mellorando os pasos cada día.

Agora estamos traballando a flexibilidade, as estiradas e a relaxación.

Di que os meus músculos están sempre relaxados, e que para chegar a dominar a danza:

“É imprescindible mellorar e fortalecer a túa complexión, Silvina”

E vaia fastío, porque as táboas de exercicios son tan custosas…

Pero non me importa o esforzo se podo chegar a ser como as miñas grandes heroínas… Isadora Duncan, Anna Pavlova, Margot Fonteyn, Maya Plisetskaya...

Ah! E as súas personaxes de contos e fadas:

Gissele, Coppelia, Odette, Julieta…

Aínda que teño que confesarvos unha cousa… este non é o meu verdadeiro soño.

Queredes que vos conte o meu verdadeiro soño?

Veredes…. Resulta que á clase tamén vén Pati, unha nena coma min, pero cuns anos máis. Ela é moi tímida e, aínda que baila fenomenal, dálle moita vergoña.

Coa miña axuda e o seu esforzo, descubriu que lle gusta a danza tanto coma a min. Agora estamos traballando para que os pasos que eu invento se poidan ver nun escenario. E quen mellor que ela, a miña mellor amiga para facelo? p>

E este si que é o meu soño, que un día poidamos bailar xuntas.

un precioso pase a dous…

Imaxino, ademais, poder facer iso con todas as persoas que aman a danza tanto coma min…

serei a súa profesora de baile e ensinareilles a gozar dun aplauso coma é debido.

Fin

Página siguiente