ONCE biblioteca da Fundación nenos, Ir a inicioContos que contaxian ilusion

Aitor, aviador

Página anterior

© do texto Aitor Aviador: Eva Latonda © das ilustracións: Maru García, 2012

Sobre o TDAH (Trastorno por déficit de atención e Hiperactividade)

As neuronas levan e traen mensaxes ata o noso cerebro coma se se tratasen de milleiros de carteiros. Para que o cerebro poida ordenar toda esa información, existen uns órganos moi sensibles que o coordinan todo.

Pode acontecer que eses órganos de coordinación non funcionen completamente ben, polo que a información vai máis lenta. Cando a un neno ou a unha nena lle pasa isto, non se pode concentrar do mesmo xeito que o fas ti. Distráense facilmente, son impulsivos e precisan moverse moitísimo.

Lendo a historia de Aitor, aprenderás a descubrir a cantidade de cousas fascinantes que agochan no seu interior estes amigos con TDAH.

Tic, tac, tic, tac…

O tempo pasa e esta lección non me entra. Tic, tac, tic, tac… Vou xogar ás bólas, encántanme as de cores rechamantes, pero prometinlle a papá que acabaría a tempo a tarefa… Buf! O reloxo non para de dar voltas… Darame tempo de sacar os rotuladores que brillan na escuridade?…

Tic, tac, tic, tac…

Vaia, se estades aí. Perdoádeme, non me fixara en vós… Teño tantas cousas na cabeza…

Por fin, atopei a miña colección de gomas de borrar!

Mirade, mirade, téñoas de todo tipo; grandes e pequenas, con olor e sen olor, con formas de ferramentas, de animais, de xoguetes… Aquí está a miña favorita, esta goma imita un patinete! Por certo, e o meu patinete? Debería estar aquí… Si, si, xúrovos que o gardei aquí…

Tic, tac, tic, tac… Vaia! O exame de mates estame a agardar…

E agora que me dou de conta, non vos dixen quen son. Son Aitor, pódevos parecer que son un distraído pero, en absoluto… o que me pasa é que me custa concentrar a atención e preciso moverme moito…

Por fin!!! Si, aquí está o meu patinete.

Ben, coma vos dicía, teño un Trastorno do Déficit de Atención e Hiperactividade, por iso os médicos chámano TDAH Tic, tac, tic, tac… Ai miña nai, o reloxo…

Ás veces, no cole aos meus compañeiros cústalles xogar comigo porque me enfado con certa facilidade…

Ademais, preciso o dobre de tempo que eles para aprender, e iso dáme moita carraxe … aínda que non son nada torpe.

Agora Francisco, o meu médico, aínda que me dixo que non todos os nenos as precisan, receitoume unha medicina que viaxa ao meu cerebro para que ás miñas neuronas lles chegue a información máis rapidamente, e así evitar que me salte ringleiras cando leo, axudar a que me saiba mellor as explicacións na clase e conseguir que me erga menos do pupitre. E ademais teño a Tere, a psicóloga, que nos axuda, aos meus pais e a min, con pistas que fan que me concentre mellor.

Papá é un tío grande e comigo o fala todo. As súas conversas axúdanme moitísimo. Mírame aos ollos e dime as cousas que teño que facer amodiño e de unha en unha…

“As medicinas non o son todo, Aitor”, dime con agarimo, «o teu tesón e o noso cariño serviranche para crecer». E é verdade

No cole o meu profe Rafa xa non me corrixe os deberes con boli vermello, nin me fai falar en público. Séntame moi preto del e fraccióname a tarefa para que non me sufoque tanto. Ademais, procura que os meus compañeiros xoguen comigo.

Así, pouco a pouco, a xente de clase comeza a coñecerme mellor: Convídanme ás súas festas de aniversario, chámanme por teléfono, quedamos para ir ao cine...

Tic, tac, tic, tac… Vaia, o reloxo lémbrame que teño que seguir estudando matemáticas.Se quero ser aviador coma o meu pai, teño que saber moito de álxebra … Soño con voar polos aires e dicirlle ao mundo enteiro que un pode ser todo aquilo que se propoña…

Xa sei que vai ser un camiño longo, pero como di o refrán "Soñade e vos quedaredes curtos…"

Tic, tac, tic, tac…

Fin

Página siguiente