© do texto Aneta Poeta: Eva Latonda © das ilustracións: Maru García, 2011
Falar semella moi sinxelo para os que o fan con facilidade.
Parece que todo comeza cando formamos un pensamento no noso cerebro. Alí mesmo, ese pensamento transfórmase na linguaxe que aprendemos, despois envía un sinal aos músculos da boca, a cara, o pescozo, a lingua e a gorxa, que se moven para formar as palabras.
Algunhas veces algo falla e as palabras saen entrecortadas, ou tardan demasiado en pronunciarse. Semella a cando abres UNHA BILLA pola que sae a auga aos tombos, por iso aos nenos que teñen esa dificultade lles resulta máis complicado expresarse.
En moitos dos casos, cun diagnóstico rápido e atención temperá, pódese corrixir. Require un adestramento no que pais, amigos e especialistas xogan un papel moi importante.
Cando coñezas a Aneta saberás que o que che vai contar é moi interesante.
O meu nome é Aneta. Escribo e escribo, porque son poeta.
Benvidos ao meu blog de poesía, encántame escribir e coas novas tecnoloxías chego a todo O MUNDO.
A poesía non é tan difícil. Unha mañá chuviosa, o movemento das follas dunha árbore… mesmo a profe de matemáticas, poden ser fontes de inspiración.
Para ser poeta é fundamental que saibas rimar palabras. Por exemplo, amor rima con pavor, sabor, estupor…. Ben, podería seguir un bo cacho porque teño moito vocabulario. Iso di Francisco Belausteguigoitia Amorrortu, Paco, o meu logopeda, que son máis intelixente que a media.
Choca esa, princesa! (eu é que todo o digo en rima).
Os meus compañeiros de logopedia son todos rapaces, así que me tratan coma unha princesa.
Veredes, é que TARTAMUDEO. Adestreime moito para non afogarme nos meus silencios, non reparar nos meus chimpiños e só dicir o que quero dicir.
A tartamudez lévase mellor cando arredor tes xente que te quere.
Miña irmá María é a miña maior ADMIRADORA. Adoita levar os meus poemas pegados no seu cartafol do “cole” escola, no canto das fotos de famosos que poñen as súas amigas.
Ás veces pelexamos, pero en fin, iso tamén me dá ideas. Unha poesía que lle fixen o ano pasado titúlase María rosmona.
Esta creo que non lle gustou demasiado, pero mamá e papá riron moito e, de cando en vez, chámana ROSMONA, pero de broma...
Ultimamente estou moi contenta porque conseguín dous logros; o primeiro dicir o nome completo de Paco con apelidos e todo!; o segundo declamar un dos meus poemas na clase.
Coñecedes alguén que tartamudee? Houbo personaxes importantes con tartamudez, como o rei Jorge de Inglaterra que, coa axuda dun actor, aprendeu a falar en público. Tendes que ver a película "O discurso do rei", a min emocióname moitísimo. Un consello: cando coñezades alguén tartamudo, aínda que vos custe, deixade que acabe el mesmo as frases. Trato feito?
Os meus progresos son tan grandes que, cando saímos comer por aí, o meu pai dime que pida eu. Teriades que ver a cara do camareiro do outro día… hahahaha! Era tan simpático que en ningún momento deixou de sorrir mentres apuntaba a comida de todos… e iso que tardei un bo cacho, eh? É xenial que me dea todo o tempo que necesito sen facerme sentir mal.
Ben, espero os vosos comentarios nas publicacións do blog. Mellor se son en forma de poema!
E por que?
Porque VERSOS rima con BICOS!
E a min encántanme as dúas cousas.
Fin