© do texto Aurora Locutora: Eva Latonda 2010 © das ilustracións: Maru García, 2010
Sabías que o 80 % da información que recibe o noso cerebro chégalle a través dos nosos ollos? Isto quere dicir que moitas das habilidades que tes as aprendiches grazas á visión.
É alucinante, verdade? A vista ten un papel moi importante na nosa vida. Que ocorrería se non puideses ver ou o fixeses con dificultade?
A cegueira é a falta de visión. Pódese ser totalmente cego, ou ver algunhas formas e cores. Os que a teñen, desenvolven moito máis os seus outros sentidos, así compensan o que lles falta. Neste conto, coñecerás a Aurora, e comprobarás que é unha nena chea de imaxinación e ilusións. Coñecela servirache para descubrir unha verdadeira heroína, capaz de desenvolverse ela soíña.
Son coma un felino, móvome silenciosamente, ninguén sabe onde estou, en que lugar da miña casa me atopo…
Porén, eu si - podo oílos a todos! Teño o oído máis fino que ninguén… Meu pai enfádase cando me agocho, pero eu divírtome moitísimo.
O de ser coma un felino tampouco lle gusta a «Fraco», o meu can guía. Eu creo que é por esa liorta que hai sempre entre cans e gatos.
Non sei quen dixo que se levaban mal, pero desde aquel mesmo día levantou unha inimizade que é unha auténtica parvada.
Por certo, púxenlle o nome de «Fraco» porque está coma un bocoi.
Eu intento convencer ao meu fiel amigo de que os gatos son quentiños e agarimosos.
“Mira Pirlo, o gato da tía avoa Cecilia.
Cando o toco, o seu pelo faime cóxegas nos dedos e a súa lingua é tan graciosa, áspera e pequeniña, que me fai rir moito.”
Pero Fraco nin caso. Aínda que só no dos gatos, porque no demais é o can máis bo e obediente que xamais existiu.
A min cústame ver cos ollos, así que vexo doutra maneira. Por exemplo, podo tocar algo e saber como é, escoitar os sons… É coma se estivese nun cine moi particular no que hai que deixarse levar pola imaxinación e iso si que mola.
Eu imaxínome de todo… Imaxino a miña nai cando cociña patacas "á importancia", que lle saen de morte!
Imaxino ao meu profe correndo trás o Alfonso, que é un neno moi falcatrueiro que hai na miña clase. Imaxino as nubes cargadas de pingas de choiva e o arco da vella quecido polo sol. Tantas cousas imaxino!
Pero con diferenza, o que mellor se me dá é imaxinar os partidos de fútbol que escoitamos o avó e mais eu todos os domingos pola radio.
Porque a min, ademais dos animais, encántanme os deportes e, entre todos os deportes, o que máis o fútbol, porque é moi emocionante.
Cando hai partido, sentámonos xunto á vella radio, os dous moi xuntiños, como creo que fan os pingüíns cando teñen moito frío, e escoitamos atentamente:
“AVANZA POLA BANDA DEREITA, REGATEA UN RIVAL, CENTRA Á ÁREA, E… GOOOOOOOOL!!!".
Buf! Que subidón! O avó e máis eu abrazámonos e saltamos de ledicia, esta vez coma os pingüíns cando ven saír o sol despois dunha brea.
Berramos xuntos “Viva viva!”, namentras mamá dinos que non gritemos tanto, eu penso no bonito que sería facer que a xente brincase de emoción ao oír a miña voz dicindo "GOOOOL!"
É verdade que aínda son un pouco pequena para tomar decisións, aínda que xa teño 10 anos, eh?; pero estou segura do que quero ser de maior: locutora de radio.
Radiarei os partidos xunto ao avó e formaremos todo un equipo. El dirame o que pasa ao oído e eu contareino con paixón polo micro.
Hai quen cre que é un soño imposible, e intentan botarme cara atrás. É entón cando eu lles digo coa miña voz alta, clara e limpa:
“O imposible… é a meta dos que cren”
E non sei que ten esta frase que escoitei un día no cole pero, despois de dicila e quedarme tan a gusto, todos se achegan canda min para darme un gran bico.
E é entón cando o noto. As súas meixelas xunto ás miñas, fálanme de que podo facer o que me propoña, porque a miña vista chega moito máis lonxe. Eu podo ver incluso máis alá do horizonte.
Fin