© do texto Coral educadora emocional: Eva Latonda © das ilustracións: Maru García, 2020
Sabes que son a alegría, a tristura, o enfado ou o medo? ? Son emocións. Todas as persoas as temos. A algunhas persoas cústalles cambiar de emoción. Adoitan ser persoas que necesitan mellorar a súa saúde mental.
Por iso é estupendo que aprendas a recoñecer e entender as túas emocións, porque así de maior coñeceraste mellor e, ao chegar á adolescencia, se xorde un problema de saúde mental, estarás máis en forma para afrontalo e mesmo evitalo.
É moi importante coidar a nosa saúde mental: comer ben, durmir o suficiente e á súa hora, utilizar un pouco menos o móbil e coñecer como son e para que serven as túas emocións.
O ámbito pode influír na aparición de síntomas sospeitosos: a inestabilidade familiar, moitos cambios de fogar, a partida dun ser querido…
Coral, a protagonista do noso conto, adestrouse desde nova para coñecer as súas emocións; cando está triste trémenlle as meixelas, cando se enfada quéimalle a barriga e cando está alegre sente cóxegas nos brazos. Por iso pode axudar tanto no seu equipo de terapia. A súa historia si que está chea de emocións. Xa verás…
Isto é unha gran bóla vermella que dá botes e botes sobre unha superficie escorregadiza…
Non, non é unha adiviña. Queredes saber que é? É un soño que tiña eu cando era máis nova. Soñábao moitas veces e, ao día seguinte de soñalo, sentíame triste. Que mal!
Agora que xa son un pouco máis vella, souben que é supernormal supernormal que os soños se repitan, e que o de estar tristes non é tan malo como semella. Coma nesa peli que se titula “Do revés”.
Chámome Coral. Púxomo a miña nai porque é mergulladora e encántalle o fondo do mar. Di que os arrecifes están cheos de cores e, como cando eu nacín lle puxen máis cor á súa vida, decidiu chamarme así.
Os corais non son nin plantas, nin rochas; son animais. A que alucinades! Xúntanse en colonias formadas por milleiros deles.
Algúns son duros e outros brandos.
Eu síntome coma un coral, porque teño un pouco das dúas cousas.
Se “estou dura”, síntome forte e son capaz de conseguir calquera cousa que me propoño.
Pero cando “estou branda”, son máis sensible, cústame decidirme e vexo todos os problemas como xigantes.
Eu son así.
A miña familia cría que eses cambios se debían á leria esa da adolescencia, pero resultou que non. Teño un trastorno bipolar.
Que noooon, que non vivo nos dous polos.
Ha, ha, ha, ha!
O que me ocorre é que ás veces estou moi, moi, moi contenta, e outras estou moi triste.
Son moi creativa. Gústame escribir e actuar.
As persoas coas que falo nas miñas reunións de terapia dinme que siga ese camiño, porque a arte me pode axudar a xogar coas miñas emocións e non terlles medo.
O teatro serviume de adestramento. Utilizar o meu corpo para interpretar personaxes axúdame a recoñecer rapidamente emocións que poden afectarme
Deste xeito adiántome a elas antes de que se disparen.
¡PUM!
Debutei (si, dise así, coma se fose unha actriz profesional),cunha crise de ansiedade, que é algo así como que afogas, pero non.
Desde hai uns meses, vou a un grupo para falar de todas estas cousas.
Son a máis nova. Teño 16 anos e o seguinte en idade é Poli, que ten 21.
Poli estaba enganchado ao móbil, tanto, que non podía nin durmir, nin descansar, nin concentrarse, mesmo deixou de comer, así ata que se puxo moi maliño.
A terapeuta díxome que inflúo moi positivamente nel e iso fíxome pensar:
a el encántalle facer graffitis, así que o animo a que se exprese cos seus deseños, e agora está tan contento…
Traballar coa creatividade e a imaxinación fixo un pouco máis feliz a Poli. As emocións son moi importantes… Se nos serviu a nós, digo eu que lle servirá a todo o mundo.
Como un coral resistente ás mareas, prepareime e serei Coral, adestradora emocional…