ONCE biblioteca da Fundación nenos, Ir a inicioContos que contaxian ilusion

Nacho Pista, Tenista

Página anterior

© do texto Nacho Pista Tenista: Eva Latonda 2011 © das ilustracións: Maru García, 2011

Sobre a espiña bífida

A espiña bífida é unha lesión que afecta a columna vertebral e a medula espiñal, xa sabedes, esa fila de ósos ben pegadiños que percorre as nosas costas e o tubiño de nervios e líquido que protexen…, pois ben, os nenos que nacen con espiña bífida poden ter dificultade para camiñar, coma lle pasa a Nacho, o protagonista desta historia.

Nacho naceu con espiña bífida e non pode mover ben as pernas, por iso usa uns bastóns para camiñar. A outros amigos que naceron co mesmo pásanlles outras cousas. Dependendo de se a ferida está máis abaixo ou máis arriba na columna, poden perder mobilidade nos dedos dos pés ou en gran parte do corpo. Por iso con axuda dos pais, os doutores e as asociacións, os nenos e as nenas con espiña bífida acostúmanse ao seu corpo e sácanlle todo o partido.

Van ao colexio, len, xogan, ven películas, debuxan, pintan e fan deporte, si, deporte… Vistes algunha vez os xogos paralímpicos…? Pois moitos medallistas teñen espiña bífida.

Os papás de Nacho souberon tempo despois de que el nacese que a espiña bífida nalgúns casos se pode previr se a nai toma ácido fólico, polo menos tres meses antes do embarazo.

Con este magnífico conto que tes nas túas mans, queren dicírllelo a todos os papás e mamás do mundo.

Chámome Nacho e xogo ao tenis, gústame nadar, as mates, os xeados de chocolate e os libros de contos.

Tamén teño espiña bífida, que soa a algo así como que me cravei un óso de serpe no pé, pero é simplemente que a miña espiña dorsal saíu do seu sitio porque, antes de nacer, os ósos das costas non se colocaron tan xuntiños coma deberían ter feito, e por iso as miñas pernas móvense máis ben pouco.

Nada máis nacer, operáronme das costas e tamén da cabeza, porque a tiña moi grande. Agora xa a teño máis ben tirando a mini, pero meu pai, que é moi gracioso, ségueme a chamar pequeno Casper.

E coma vos ía dicindo, despois de operarme, movíame tanto de lado a lado que tiña a todos asustados pensando que me podía mancar. Porén, eu sempre pensei que o que de verdade tiña eran ganas de comezar a miña carreira deportiva.

Cando cumprín 5 anos, á miña nai dixéronlle uns médicos amigos seus que o mellor para min e para a miña columna era “estimular o meu crecemento e a miña independencia”, e a partir de aí deixáronme mover máis e apuntáronme a clases de tenis en cadeira de rodas.

E debeu resultar, porque eu son independente, pero a miña columna… o é aínda máis. Gústalle facer a súa propia vida, por iso teño que estar vixiándoa todo o día para que faga o que ten que facer:

levarme ao cole ao ritmo das miñas muletas, aguantar as clases sen dicir AI!, acomodarse á cadeira de rodas nos adestramentos e deixarme durmir polas noites, entre outras cousas.

Antes dos partidos, teño que ter unha charla con ela para que poña todo da súa parte: “Mira colum (eu chámoa así), que o partido de hoxe é máis que difícil, Mario Marcelo é cabeza de serie (iso quere dicir que é un dos que mellor xogan) e din que ten unha dereita tremenda, PUM! fai a raqueta e a bóla vai á liña de fondo… e a ver quen é o guapo que devolve iso”.

Colum escoita atentamente e, logo, actúa coma se entendese. En medio do set, cando toca facer un movemento rápido e forte, responde apertándose contra o respaldo da cadeira, axudándome a devolver a pelota facendo un winner (é dicir… un punto gañador).

Aínda non estou na clasificación nacional, acabo de comezar. O meu soño é participar nos xogos paralímpicos e gañar unha medalla, dedicaríalla aos meus pais e á miña irmá Gela.

Aos meus pais porque son uns campións que terían que ter, non unha medalla, senón centos, e á miña irmá porque a quero máis que a nada. Naceu despois ca min. Ela non ten o mesmo que eu. BUF, corre moitísimo! É a miña maior fan. Nos campionatos séntase na bancada moi seria, agarrada ao seu osiño e cando gaño un punto grita: Amoz Naszo! (Naszo son eu) É máis lista! Na casa gústalle sentarse comigo e suxeitar as miñas muletas azuis coas súas manciñas mentres falamos.

Eu cóntolle un conto cada noite, e ás veces invéntoos. Os que me saen son contos de aventuras cun príncipe que vai a cabalo a salvar a súa irmá vítima dun feitizo.

O príncipe son eu e cabalgo veloz na procura da princesiña, que é ela, claro. No meu escudo de armas teño unha pelota e unha raqueta como distintivos, e hai un dragón que ao ver a miña impoñente presenza… sae correndo para non volver.

A miña irmá escoita entusiasmada porque lle encantan as miñas historias… e o outro día cando me viu sentado na cadeira de rodas que uso para xogar ao tenis dixo sorrindo: abalo… que no seu idioma quere dicircabalo.

Quéroa tanto, é tan divertida e tan simpática. Espero que cando sexa maior siga indo ver os meus partidos, porque ninguén me anima coma ela. Para os xogadores é moi importante oír os aplausos e os gritos de ánimo dos espectadores e se aínda por riba son da súa familia con máis razón.

Eu estou detrás dos meus pais preguntando todo o día:

Cando imos ter outro bebé na casa? E eles míranse e rin. Espero que esas risas signifiquen que a resposta é moi pronto!… Porque non hai nada que me apeteza máis que ter a casa chea de irmanciños que queiran escoitar contos e xogar ao tenis coma eu, o seu irmán máis vello

Fin

Página siguiente