© Un trabajo de CON CAUSA con: Maru García Ochoa y Eva Latonda © Texto e Ilustraciones: Maru García Ochoa
Pensa: cando comezaches a facer deporte?… Seguro que a resposta é dende hai moito. Xa na gardería facías psicomotricidade e, logo, ao chegares á escola, as clases de ximnasia e as famosas extraescolares deportivas: que se natación, tenis, fútbol, baloncesto, patinaxe, rugby, pádel… Uf, hai tantas, que ás veces non sabes que elixir. Pero pasa o tempo e hai algo que che gusta máis e que se che dá mellor, polo que te apuntas e adestras ese deporte que che encanta; así de doado.
Cunha discapacidade tería que acontecer o mesmo. Ás veces hai dificultades de acceso ás clases, escaseza de profesorado con coñecementos específicos e, sobre todo, fai falta
poñer máis atención
sobre esta necesidade e seguir buscando un
mundo accesible, para todos. Por iso queremos contarche que foi de
Nacho, o protagonista de
"Nacho Pista tenista". Agora medrou, é un rapaz de 16 anos capaz e voluntarioso que se entregou ao tenis, iso si, sen deixar os seus estudos. Ten
espiña bífida. Se xa o coñeces, saberás o que é, pero contámoscho de novo: a espiña bífida é unha lesión que afecta a columna vertebral e pode supor, para quen a ten, discapacidades físicas e nalgúns casos tamén intelectuais, que van de leves a graves.
Nacho anda con muletas e xoga ao tenis en cadeira de rodas. Facer deporte desde moi novo inculcoulle valores coma o esforzo, a superación, a perseveranza, a deportividade. Ademais, a súa discapacidade foi toda unha carreira de obstáculos que tivo que vencer e que lle deu unha fortaleza física e mental extraordinarias. Esta combinación fíxoo exemplar para familiares e amigos.
Gañar unha medalla paralímpica é o seu próximo obxectivo: mentres tanto segue adestrando duro, estudando e, entre outras cousas, obtivo o título de monitor para dar clases a nenos. Vaia aventura.
Nesta historia tamén aparece
Rexina, outra das nosas protagonistas que coñeceredes polo conto
Rexina as da cociña. Ela tamén se fixo máis vella, ten xordocegueira e unha canle en YouTube. Cociña, e viaxa polo mundo facendo receitas. Ademais, é a inspiración de
Xela, a irmá máis nova de Nacho, unha nena moi curiosa á que lle encanta a cociña saudable e que sempre está ideando novas e orixinais comidas para Nacho. E é que Xela sabe o
importante
que é unha
boa nutrición
para un deportista.
Os protagonistas dos Contos que contaxian ilusión son nenos e nenas cunha discapacidade que queren coñecerte e compartir contigo as súas aventuras. Acompáñalos?
Hoxe espertei máis canso do normal. Sei que onte na pista estivemos adestrando duro e o máis seguro é que sexa iso, pero ás veces cando estou así danme ganas de non erguerme.
O que acontece é que hoxe é un día crucial porque estreo unha nova cadeira para xogar. Medrei bastante ultimamente, un estirón, din, e xa había que facerme unha á medida.
É espectacular, a verdade; dixéronme que os xiros que se poden facer con ela van mellorar o meu ritmo de xogo.
Poderei
axilizar a velocidade de reacción,
e iso, unido a que me estou poñendo moi forte, vai
facer que suba na clasificación nacional. Diso estou seguro.
A miña irmá máis nova di que o de poñerme forte se debe ás comidas especiais que me fai, como a súa
paella «Top-win»,
os
canelóns «Deuce»
ou o
filete ao «Revés cortado»
con
patacas «Advantage», que son uns pratos que inventou pensando en min.
A Xela encántalle cociñar e facer receitas que ve en Internet. Faime moita graza porque a min o de cociñar é que non se me dá nada ben.
Un día ensinoume a conta dunha rapaza á que segue nas redes e que é alucinante; chámase Rexina.
- Mira, Nacho. Rexina ten unha discapacidade, coma ti, pero distinta: é xordocega. E sabes que? É cociñeira e, na súa canle, ademais de receitas, hai vídeos das súas viaxes polo mundo probando todo tipo de pratos. Cando ti teñas que ir ás competicións de tenis doutros países, eu irei contigo. Pagarei a viaxe —aclara— pero teño que ir. Ti necesitarás as miñas comidas especiais para gañar e eu coñecerei novos ingredientes e sabores.
Se o penso, non é mal plan porque o meu pai ponse moi nervioso sempre que xogo un partido, e mamá, eu sei que pon cara de que todo vai ben e non pasa nada, pero cando me ve loitando na pista ás veces preocúpase, así que… si, Xela é a mellor opción.
É tan divertida e simpática. Cando perdo algún punto e a vexo sorrir animándome desde as bancadas, sinto unha especie de empurrón que me anima a seguir adiante.
- Nacho, a ver, que hai que ir pola cadeira nova e logo tes o primeiro día das prácticas de monitor.
É
papá
que me está falando dende o salón. Esquecera que
hoxe empezo as prácticas de monitor de tenis en cadeira. Fixen un curso para poder dar clases. Apetéceme moito saber que
podo ensinarlles a outros a gozar do deporte tanto coma min. Aínda que teño que aclarar que non vou deixar de lado o meu
soño paralímpico. Vou seguir adestrando e competindo ata que gañe unha
medalla. É unha promesa que me fixen a min mesmo.
O tenis é a miña vida, a miña paixón e a miña razón. Cando era máis novo, grazas aos meus pais, puiden comezar o meu camiño tenístico, pero non foi doado. Na miña cidade non me admitiron nas clases de tenis do concello porque os profesores non sabían que só tiñan que ensinarme o mesmo ca aos outros e coñecer as regras de xogo para tenis en cadeira, nada máis.
A ver, para que nos entendamos: no tenis en cadeira de rodas xógase nas mesmas canchas e coas mesmas raquetas e pelotas ca todos.
O que hai que conseguir é que o acceso ás pistas, aos vestiarios, aos baños ou a calquera espazo e servizo do centro deportivo sexa posible para alguén con discapacidade.
Isto chámase accesibilidade e é imprescindible que se teña en conta en todas as partes, e cómpre pensar, ademais de en chanzos, alturas de interruptores ou baños con adaptacións, en moitas máis cousas, como tecnoloxía, lecer, estudos... O bo é que cada vez hai máis conciencia social, e iso é xenial, porque é o que pode garantir que todos teñamos as mesmas oportunidades. Que «todos poidamos acceder a todo» é un partido no que todos gañamos.
Ah! Algo distinto que temos no tenis en cadeira de rodas é que, durante os puntos, a pelota pode dar dous botes antes de devolvela, o que quere dicir que eu podo xogar con alguén sen cadeira, adestrar, divertírmonos e mesmo participar nalgún torneo.
Se no meu colexio ou no meu concello soubesen isto con anterioridade, pois mamá, papá e eu aforrariamos moitas horas na estrada, outros tantos litros de gasolina e unha morea de tempo de estudo no coche para aproveitar.
O deporte deume tanto, que eu quero axudar a que calquera neno ou nena con discapacidade poida comezar a xogar canto antes.
As miñas prácticas de hoxe comezan no meu colexio, onde estudei, pero onde non puiden xogar ao tenis. Agora as cousas mudaron moito. En primeiro de secundaria hai unha rapaza que se chama coma a miña irmá, Ánxela, e que vai en cadeira.
Está dando
extraescolares
de tenis cos seus compañeiros e
teñen unha crack de monitora
que lles dá clase, que soubo integrar moi ben os seus alumnos e conseguiu que
todos participen, aprendan e gocen xuntos do tenis.
Vouno pasar moi ben aprendendo a dar clases de tenis con eles; estou seguro.
- Nacho, corazón, o teu pai está dos nervios.
Vaia… Ha, ha, ha, ha! E eu tamén, agora que me decato.
A miña nai asomouse rindo
ao meu cuarto para lembrarme que teño que marchar, e ao erguerme... vaia!, decateime de que
xa non me sinto canso.
-
A ver, Nacho
—díxenme a min mesmo como se estivese nun partido—.
Hoxe é un gran día, imos xogalo, imos gañalo.
Fin