Biblioteca infantil Fundación ONCE, Ir a inicioCuentos que contagian ilusión

Pablo García Policía

Páxina anterior

© do texto Pablo García Policía: Eva Latonda © das ilustracións: Maru García, 2014

Sobre a acondroplasia

A acondroplasia é un trastorno xenético que afecta o crecemento dalgúns ósos do noso corpo.

Os ósos máis longos do esqueleto non medran todo o que deben, así que as persoas con esta discapacidade son máis baixiñas.

Os nenos con acondroplasia só precisan algún coidado específico e unha alimentación especial, pero a súa vida é igual á túa. Está chea de ilusións e esperanzas.

Neste conto coñecerás a Pablo, un neno intelixente e divertido que che abraiará polas súas moitas capacidades.

QUERO SER POLICÍAAAAAA!

E dígoo así de alto, para que o saiba todo o mundo...

E quero selo, non só porque me gustan as películas de "polis" contra cacos, coas persecucións e os coches…, senón tamén porque os detectives adoitan ser tan intelixentes e guapos coma min.

Que son guapo o dío moito o meu pai, e creo que ten razón porque me parezo unha chea a el cando era noviño.

O de intelixente dío o meu profe, que por certo tamén se chama Pablo, porque resolvo problemas nun chiscar de ollo.

Pero volvendo ao de ser policía. Sei que o vou ter un pouco máis complicado que os demais nas probas físicas.

Segundo teño entendido, son moi difíciles (os policías son uns superatletas). Por iso teño un plan para chegar a conseguilo. Estudarei criminoloxía e convertireime en detective.

Ademais penso que a forza non o é todo. Os bos necesitarán da miña audacia e enxeño para atrapar aos malfeitores… Xa o veño dicindo eu:

"Nada coma seguir unha boa pista, para dar co carteirista"

E niso de descubrir pistas son un lince, eh?

Vós nunca vos deixastes guiar pola vosa intuición?

Eu fágoo constantemente. É o segredo do meu éxito: "Nunca me equivoco confiando no meu instinto, por iso son distinto"

(Vaia, estou pensando que tamén debería facerme poeta... imaxinádelo? Un policía poeta. Que chulada!)

Creo que o da intuición o herdei da miña nai. Ela si que é intuitiva. Sempre sabe antes que ninguén o que necesito sen mediar unha soa palabra.

"Intuición e corazón: esa é a miña nai en acción!"

(Si, si, abofé que tamén son un poeta)

Na escola, os meus compañeiros Fernando e Miguel, que son os mellores amigos que un poida imaxinar, anímanme e dinme que, tras a miña asombrosa carreira como criminólogo, chegarei a ser xefe da policía.

Daquela, crearei un corpo especial que estea formado por persoas de talla baixa como a miña. Están seguros de que seremos o reforzo perfecto para o "Departamento Nacional de Intelixencia".

Fernando adoita botarme unha man cando teño que cargar con cousas pesadas. Eu déixolle que me bote unha man, a verdade, porque é forte coma un buxo e encántalle presumir de músculos.

Miguel é o científico da clase.

De maior, quere ser arqueólogo, e lévanos a Fernando e a min a facer interesantes escavacións no patio da escola.

Está seguro de que atopará o fémur dun iguanodonte debaixo da cancha de baloncesto.

Con eles, estou aprendendo unha morea de cousas. E así, aos poucos, estoume formando ata chegar a ser o mellor policía, investigador, detective e comisario, experto en arqueoloxía (e poeta) que xamais tivese a historia policial do noso país.

Sei que cumprirei o meu soño e chegarei moi lonxe!

Fin

Páxina seguinte