ONCE biblioteca da Fundación nenos, Ir a inicioContos que contaxian ilusion

Ramón Paleontólogo de profesión

Página anterior

© del texto Ramón Paleontólogo: Eva Latonda 2018 © de las ilustraciones: Maru García, 2018

Sobre o TEA

O Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) está relacionado co xeito no que se desenvolve e funciona o noso cerebro.

É como “invisible” porque cada persoa ten o seu propio aspecto físico.

Algúns falan moito, outros pouco. Hainos que se comunican con imaxes. En ocasións poden facer movementos repetitivos coas mans ou insistir en facer as cousas do mesmo xeito.

Nalgúns casos, as persoas con TEA teñen capacidades extraordinarias para algunha actividade como o cálculo, o debuxo ou a música, pero non ocorre sempre.

Teñen en común o modo de relacionarse cos demais, que é distinto ao habitual. Como ás veces non se dan conta das reaccións das outras persoas, pode parecer que non lles importa, pero non é así. Sinxelamente precisan que lles expliquemos con palabras como nos sentimos.

A súa comunicación tamén é diferente. Contan as mesmas cousas unha e outra vez, o que pode facer que os demais “desconecten”. É como cando pos a radio e non a escoitas ben e decides apagala…

Apagar a voz do protagonista deste conto, faríate perder a oportunidade de coñecer a alguén moi especial.

Con Ramón descubrirás o talento e as capacidades das persoas con autismo.

Ssshhh! Silencio. Non fagades ruído. Os sons fortes póñenme un pouco nervioso. Ademais, estou a punto de descubrir o dinosauro máis grande do planeta, e preciso concentración…Non me gusta distraerme das miñas cousas…

Tachan! Aquí está. O dinosauro máis grande do mundo. Xa, xa sei que só é un debuxo, pero é que eu me expreso mellor a través de imaxes e fotos..

Preséntome. Son Ramón e vou ser paleontólogo de profesión. Así de seguro estou, e iso que só teño 9 anos…

Sobre os dinosauros direivos que os coñezo todos. Sei cando viviron, canto mediron, e ata que comeron… O estraño Deinocheirus, o vistoso Therizinosaurus, o temible Utahraptor e o meu favorito, o descomunal Turiasaurus, un dinosauro que viviu na Península Ibérica hai centos de miles de anos e que é o máis grande de toda Europa.

A este voulle pór o nome de Mamisaurius na honra da miña nai que me abraza coma ninguén. Aínda que Bea, miña irmá, tamén me aperta dabondo. Eu resístome bastante. Non me gusta que me abracen forte ou que o fagan sen me avisar. Pero no fondo, precísoo.

A mamá e a Bea déixolles que o fagan porque sei que se poñen moi ledas cando lles dou un bico, pero os demais terédesvos que aguantar unicamente cos meus debuxos.

Mamá é moi observadora. Cando tiña ano e medio, foi a primeira en darse conta de que había en min sinais de ter TEA, que son unhas siglas que significan Trastorno do Espectro do Autismo.

Iso de “espectro” soa a Harry Potter, a que si? É que os TEA temos moito de maxia. Mesmo algúns teñen capacidades extraordinarias Ao parecer o autismo afecta a 1 de cada 100 nenos, pero na miña familia resulta que somos dous, porque meu tío (o irmán de miña nai) tamén o ten, por iso ela puido darse conta tan pronto.

“A detección precoz é de vital importancia” Aseverou o médico. E decontado comezaron coas avaliacións e a estimulación.

Ademais de non xogar con ela ao “Cu-cú tras”, custábame responder ao meu nome ou sinalar co dedo. O que si me gustaba era debuxar. Ao principio o único que facía eran números. A min parecíanme moi divertidos e papá e mamá dicían que eran números do máis curiosos A vós que vos parecen?

Cando se confirmou o diagnóstico, pasaron moitas cousas. Preocupación, incerteza… e por fin a seguridade. Papá atopou axuda de profesionais que lles ensinaron a educarme. Agora vexo a papá e a mamá xuntos xogando comigo e comeríaos a bicos e, ao meu xeito, así o fago.

Ao igual que os números e os dinosauros son o meu (con eles divírtome e aprendo moitas cousas), estou pensando en crear un sistema de medición de catas para as escavacións paleontolóxicas. A tecnoloxía é moi importante para a ciencia e penso contribuír cos meus avances científicos.

Pronto, ademais de nos meus debuxos, descubrireinos de verdade… escavándoos eu mesmo…

Que emoción!… Richard Owen, Othinel Charles Marsh, Henry Fairfield Osborn e claro está, Ramón, Paleontólogo de profesión…

Fin

Página siguiente