© do texto Regina As da cociña: Eva Latonda © das ilustracións: Maru García
Os xordocegos son persoas que non ven nin oen coma ti, fano de xeito diferente. Poderás recoñecelos facilmente, pois usan un caxato vermello e branco para se identificaren. Pero non todos son do Atleti, que conste!
Malia poida parecelo, a xordocegueira non son dúas discapacidades xuntas, é unha única discapacidade que ten as súas propias peculiaridades.
Uns naceron con esta déficit. Outros perderon aos poucos algún destes dous sentidos. En calquera dos casos, o que teñen en común é a súa dificultade á hora de comunicarse, por iso precisan dun mediador para facelo. A través das mans, o mediador transmite todo o que acontece ao seu redor, axúdaos e aconséllaos, e así poden identificar mellor as sensacións que non poden percibir.
Regina é unha nena xordocega que, malia as súas dificultades para se comunicar, creou un mundo marabilloso ao seu redor. Queres coñecelo?
Ola, rapaces! Son Regina, ás da cociña!!!
Os que me coñecen chámanme así. Queredes que vos conte por que?
Vivo nunha granxa de vacas en Galicia, xunto cos meus pais. Vivir nun lugar así é moi estimulante porque está cheo de vida. O caso é que, por algunha razón, a miña vista e o meu oído foron debilitándose. No entanto, o resto dos meus sentidos foron espertando. O olfacto, o gusto e o tacto...
A que non vos parastes a pensar que o mundo se ule, se sabe e se sente?
Antes de que a miña vista se apagase, corría pola granxa ao meu aire. Por iso, lembro todos os seus recunchos aínda que non os vexa.
Aproveito todo o que teño ao meu redor para aprender, estou conectada co mundo: o orballo, as flores, a baba dos caracois, a chuvia…
Por exemplo, o cheiro das sabas limpas que tende a miña nai faime sentir que teño ás. Brinco entre elas mentres que o vento aloumiña as miñas fazulas.
Outra sensación curiosa é a do tacto das zocas de papá cheas de lama e de bostas de vaca. Imaxíname que é un moco de Troll.
A comunicación é moi necesaria. A maioría usa as palabras.
Eu uso a lingua de signos e un sistema alfabético táctil (ou sexa, que vou deletreando coas miñas mans o que quero dicir) Agostiño é o meu mediador e foi quen nolo ensinou a min e a toda a miña familia, claro.
Pero ademais, coma son moi creativa, tamén utilizo a cociña para expresarme. Por iso chámanme "as da cociña"
A miña avoa Genoveva era cociñeira e aprendeume os cheiros, os sabores e as texturas. É tan divertido enredar coa fariña, o pan relado, as hortalizas ou o aceite...
Cando me sinto insegura, pídolle axuda á miña avoa e métome na cociña para guisar caldo galego. Cando me sinto feliz, fago torta de Santiago.
E cando preciso dicirlle a alguén que o quero, un bo polbo á galega.
Para cociñar hai que ter moita paciencia, un chisco de talento, todo o amor do mundo e bastantes ganas de esforzarse. Xa o dicía a avoa "Geno": "comer sen traballar non se debe tolerar".
Así que me esforzo por seguir aprendendo receitas para publicalas no meu blog. Sabes? Teño un ordenador adaptado ao sistema braille.
Algún día serei unha importante referencia gastronómica. Como teño un padal aventureiro, percorrerei o mundo en busca de novos sabores para comentalos cos meus seguidores.
Sabiades que en Australia hai hamburguesas de crocodilo?
Fin