© do texto Rosalía a Espía: Eva Latonda © das ilustracións: Maru García, 2012
Algúns nenos nacen cunha dificultade para oír, é dicir, que non poden utilizar o sentido do oído como o fan outros nenos. Hainos que naceron así. A outros aparécelles cando son maiores por outras causas.
Nalgúns casos usan audiófonos ou implantes cocleares para oír. E para comunicarse, uns empregan a lingua de signos e outros usan a linguaxe oral.
Esta é a historia de Rosalía, unha nena xorda moi creativa, que resolve todo tipo de enigmas coma se dunha verdadeira espía se tratase.
Coñécea e aprenderás a ser tan resolutivo coma ela…
Nada, hoxe non estou inspirada, non conseguín despistar a señorita Mili Pechaopico… Sempre atopo un truco para saírme coa miña, pero hoxe…
Este caso estase a pór moi difícil, pero que moi difícil.
Dende que os meus compañeiros e eu decidimos tomar cartas no asunto, o meu olfacto de espía infalible fíxome intuír que esta investigación ía ser complicada.
Levábamos tempo fixándonos nas caras de preocupación dos profesores. Cando de repente, todo deu un xiro inesperado.
Grazas a que sei ler os beizos, conseguín descifrar no recreo das 12:00, unha inquietante conversa entre o profesor de música, Faustino Golondrino, e a de ciencias, Luz Degas.
Que por que sei ler os beizos? Fácil. Son xorda de nacemento e aprendín a lelos para poder entender mellor a xente.
Ler os beizos é guai, aínda que é un pouco complicado. É como escoitar cos ollos. Hai que observar atentamente os movementos dos beizos cando as persoas están falando. E eu nisto son unha auténtica lince.
Ademais, podo escoitar frases e sons grazas ao meu audiófono, que é este aparatiño que levo no meu oído.
Esta estratéxica combinación de técnicas, unidas á miña intuición, convértenme en toda unha espía.
Si, xa sei que son moi viva, pero que lle imos facer, encántanme os libros de espionaxe.
Volvendo á conversa, que é o que agora nos interesa… lendo os beizos dos profes, pescudei que o noso pequeno colexio ía ser vendido a un industrial agropecuario para convertelo nunha granxa de polos de engorda artificial…
Informeime ben de que significaba aquilo e que horror!!! En vez de «engordar» as nosas «mentes» coas materias, «engordarían» os «corpos» deses pobres animais…
Cando lles comuniquei aos meus compañeiros o terrible descubrimento ninguén o podía crer.
Todos pensamos que, se os nosos pais e profesores non facían nada por evitalo, teriamos que ser nós os que reaccionásemos. Foi así como creamos a “Orde dos Coleguix”.
E aquí estou, liderando esta rebelión secreta para defender a cultura e o saber…
Na nosa estratexia tamén usamos a lingua de signos que lles ensinei aos meus colegas. A lingua de signos foinos moi útil para as comunicacións secretas.
Así, grazas a todos os meus coñecementos, creamos un sistema de espionaxe que nos permite facer moitos movementos sen que ninguén nos descubra.
Descubrimos que a señorita Mili Pechaopico leva anos facéndose co control do colexio ás agochadas de todos. A ela non lle gustan os nenos.
Non ten imaxinación e quere que o mundo sexa triste e aburrido. Por iso quere pechar o colexio.
Pero non, non o conseguirá… Non sabe con quen se enfronta. Eu son Rosalía a espía. Na miña última misión, pescudei onde garda os papeis que a delatan como traidora. Daréillelos aos pais e mestres e eles saberán que facer para pararlle os pés.
Cando o caso se resolva completamente, dedicareime a perfeccionar o meu método de espionaxe para solucionar todas as inxustizas coas que me atope no futuro.
Apúntaste a seguirme nesta aventura xenial?
Fin