Regina e Ramón en: A food truck dos teus soños
De 2 a 8 anos
Introducción
Os protagonistas deste libro son a caña. “Regina, as da cociña” e “Ramón, paleontólogo de profesión”. Atoparalos buscando na Biblioteca Infantil de Fundación ONCE, onde sempre pasan cousas fantásticas. Por exemplo, esta mesma historia na que vas coñecer como a creatividade de Regina e a constancia de Ramón serán imprescindibles para conseguir un resultado de soño: montar unha auténtica Food Truck para a I Feira Nacional de Institutos MOZOS E EMPRENDEMENTO.
Regina ten xordocegueira. As persoas xordocegas non ven nin oen coma ti. Fano de forma diferente. Poderás recoñecelos facilmente porque usan un bastón vermello e branco para identificarse. A xordocegueira non son dúas discapacidades xuntas, é unha única discapacidade que ten as súas propias peculiaridades. Unhas persoas naceron con este déficit. Outras, foron perdendo pouco a pouco os dous sentidos. Para comunicarse, Regina precisa dun mediador que se chama Agostiño, galego coma ela, que a acompaña e é o seu amigo.
Ramón ten TEA (Trastorno do Espectro do Autismo), unha discapacidade relacionada co xeito no que se desenvolve o noso cerebro. Segundo os casos, unhas persoas falan moito e outras menos. Tamén hai quen se comunica con imaxes. En ocasións poden facer movementos repetitivos coas mans ou insistir en facer as cousas da mesma maneira. A Ramón encántalle debuxar e sabe todo o que hai que saber sobre os dinosaures, pero o que mellor se lle dá son os números, niso é un as, como Regina na cociña.
Poderá Ramón axudar a Regina no seu propósito? Non o perdas!
Capítulo 1: A Feira Nacional de Institutos
“Estades preparados para a I Feira Nacional de Institutos MOZOS E EMPRENDEMENTO? Un lugar no que mozas e mozos de toda España poderán amosar os seus proxectos de emprendemento. Apúntate xa! A que estás agardando?”
O instituto estaba cheo de carteis e de folletos explicando as bases, e todos os compañeiros de Regina sentíanse emocionados coa idea de participar. Eugenia, a xefa de estudos, chamou a Regina ao seu despacho.
—Regina, desde o Rosalía de Castro —así se chamaba o seu “insti”— pensamos presentarche como candidata porque comprobamos que tes todas as calidades para ser unha emprendedora: paixón, creatividade e constancia. Anímaste a representarnos?
—Xa o creo! —como non me ía facer ilusión…
En canto saíu do despacho, agarrou a man de Agostiño con máis forza ca nunca. Esa era a súa oportunidade de darse a coñecer. O seu blog con receitas do mundo medrara o suficiente como para dar o salto e cumprir o seu soño de converterse nunha referencia gastronómica. Aproveitaría ao máximo a oportunidade que lle daban para ir á feira e demostrar o que era capaz de facer.
Capítulo 2: Unha food truck?
—Unha food truck? —dixo Agostiño—. Esa é unha idea xenial, pero…
—Non se te podería ocorrer algo máis fácil? —dixo preocupado Ponce, o pai de Regina.
—Nada, nada. Pois non ía a avoa Genoveva en “La Calva” —así chamaba a súa nai á furgoneta da avoa— de casa en casa repartindo as súas comidas hai anos? Xa solucionará a nena o que teña que solucionar. Nós a axudala no que faga falta —respondeu a súa nai.
—Pero, Carmenchu, que unha food truck desas precisa que o vehículo estea homologado e teña certificados sanitarios e non sei cantas cousas máis…
—A ti dáselle de marabilla isto de animar á nena —díxolle con ironía.
Agostiño puxo paz:
—A ver, Carmenchu, que razón non lle falta, aínda que o máis complicado non é pescudar os trámites legais e os permisos. O máis complicado é o do plan de negocio.
Un plan de negocio! É verdade! Quen nolo podería facer? Non rematara de pensalo cando de seguida lle veu un nome á cabeza: o seu amigo Ramón.
Capítulo 3: Ramón, de paleontólogo a director financeiro
Ramón era un rapaz que Regina coñecera o pasado mes de xullo no Campus de Videooxogos para Mozos da Fundación ONCE. Sabía moitísimo de dinosauros e fixéranse bastante amigos, e iso que a Ramón lle custaba ao principio o de iniciar amizades. Desde entón converteuse no seguidor máis activo do seu blog: comentaba cada vez que ela subía unha nova receita.
O caso é que Ramón tamén era un hacha niso dos números. Durante aqueles días nos que compartiron experiencias, resolveran un montón de enigmas e problemas xuntos.
Chegara o momento de dar un paso serio no seu proxecto: nomear o seu primeiro socio.
Capítulo 4: A lista
Regina estaba agardando con présa por saber a resposta do seu amigo. Aceptaría a proposta de converterse no seu socio?
Ela sabía que Ramón era moi minucioso e que tardaría un tempo en decidirse a contestar. Pero xa pasaran tres semanas! Non, iso era demasiado mesmo para Ramón. Estaba a piques de tirar a toalla e nomear a outra persoa como socio financeiro cando recibiu un correo de Ramón, moi formaliño.
Querida Regina:
Despois de darlle moitas voltas, vin a viabilidade do teu proxecto e decídome a unirme a el. Temos que demostrarlle ao xurado da Feira Nacional de Institutos MOZOS E EMPRENDEMENTO que o noso proxecto é o mellor para gañar o primeiro premio e facer que a túa food truck se faga realidade.
O plan de negocio é fundamental para o noso éxito. Temos que traballar sobre as seguintes cuestións:
Concepto: definir o tipo de comida e o público obxectivo ao que imos dirixirnos.
Marketing: unha boa imaxe de marca e unha web son esenciais, por iso axúntoche esta proposta.
Presenza online: como o teu blog xa ten moitos seguidores, non será difícil ter unhas redes sociais atractivas que chamen a atención de posibles clientes.
Ubicación: investigar e elixir lugares estratéxicos para a venda, como a propia feira, ademais de outros eventos e festivais. Propónche unha lista.
Seguimos en contacto para avanzar.
Ramón
Capítulo 5: Os cabos soltos
Estaba claro que non se equivocara ao elixir a Ramón. Pero se xa o tiña case todo fiado!
—Aínda quedan algúns cabos soltos —dixo moi seria a toda a súa familia, que a escoitaba coa boca aberta—: a customización da furgoneta e o menú.
O da customización houbo que explicarllo varias veces ao seu pai, aínda que ao final entendeuno bastante ben. Facer as melloras necesarias en “La Calva” para que “los de los permisos” … desen os permisos.
—Aínda que non é necesario que o fagamos aínda, papá. Abondará cunha maqueta. Se gañamos o premio xa teremos tempo de facelo real.
Ponce púxose con moita ilusión a facer os planos. Aquilo converterase en todo un equipo de traballo. Ata o mesmo Agostiño andaba con serruchos, contrachapados e pintura para a maqueta.
Do menú estaban encargadas Regina e varias compañeiras do “insti” que se animaran a botar unha man grazas a Eugenia, a xefa de estudos. Pero cando o remataron, xurdiu unha contrariedade coa que non contaban para nada.
Capítulo 6: Que contrariedade!
Ramón…
Ramón, moi organizado, elaborara un menú do máis peculiar e enviárallo a todos os do equipo:
- Jurassic Wraps (tortas recheas de verduras e polo).
- Burgers Triceratops (mini hamburguesas con pan integral).
- Pizzi-Raptor (pizzas co bordo recheo de allo).
- Batidos T-Rex (licuados de froitas verdes e laranxas).
Regina non pensara que Ramón, tan amante dos dinosauros, ía querer facer a súa xurásica achega. Como dicirlle, con tanta ilusión que puxera, que esa idea non era a que todo o equipo tiña en mente?
O máis importante, moito máis mesmo que gañar o primeiro premio na Feira, era que Ramón estivese satisfeito. Regina tiña moito aprecio polas súas receitas, pero sentía que era aínda máis importante non defraudar ao seu bo amigo. Así que puxo a todo o equipo a traballar para facer o esforzo de cambiar un pouco os plans.
Capítulo 7: Un produto encantador
Nin curta nin perezosa, Regina púxose a organizalo todo. Aínda que as ganancias nun negocio son moi importantes, neste caso o factor humano era moito máis importante. Non decepcionar a Ramón.
Houbo que recomezar coa maqueta na que estaban traballando Ponce e Agostiño. Uns arranxos por aquí e por acolá, e a furgoneta transformouse nun precioso dinosauro que servía de divertido deseño de marca.
Despois, o equipo de márketing púxose a buscar lugares nos que poder estar presentes coa súa nova marca, como por exemplo Dinópolis, en Teruel, un lugar perfecto para vender a súa saudable comida.
Por último, o menú. Regina sacou da súa axenda as receitas máis divertidas que lle ensinara a súa avoa e rebautizounas con nomes xurásicos, dándolles ese toque especial que só ela sabía darlles.
Cando Ramón viu todo, estivo seguro de que aquel ía ser un proxecto gañador. Quizais non o gañador do certame, pero si o gañador de todos os corazóns que deixaran o seu cariño nel.
Capítulo 8: E por fin na Feira!
Por fin chegara o gran día. A Feira celebrábase nun enorme pavillón, con luces de cores, altofalantes animando a todos e centos de mozos e de mozas correndo dun lado a outro con nervios e sorrisos. E alí estaba todo o equipo dinosauro xunto.
—Nai miña! —dixo Ponce mirando ao redor—. Se aquí parece que todo o mundo montou unha NASA particular!
Había proxectos do máis sorprendentes.
Un grupo de alumnos de Valencia creara un robot xardineiro que regaba as plantas só cando tiñan sede. O robot, vestido cun sombreiro de palla, mesmo cantaba copliñas mentres regaba.
Noutro stand, uns rapaces de Zaragoza presentaban a súa cámara recicladora de plásticos, que trituraba tapóns e os convertía en fíos de cores para impresoras 3D. Imprimiran un xadrez enteiro en tamaño xigante, e cada ficha levaba lentes de sol e bigote.
Pero o máis rechamante era o invento dun instituto de Bilbao: un patinete voador con enerxía solar. Iso si, o único que se atrevía a probalo era o propio creador, que levaba coderas, casco, xeonlleiras e ata unha almofada atada á cotena por se acaso.
—Isto é incrible… —susurrou Regina a Ramón mentres tocaba coa man a maqueta do seu dinosauro—. E se o noso proxecto non gusta tanto?
CAPÍTULO 9: O xurado
Ramón, que non adoitaba dicir moitas palabras de golpe, contestou con calma:
—Regina, a xente non sempre lembra ao máis espectacular, senón ao máis auténtico. E ti es auténtica.
Aquel comentario deulle forzas. Cando por fin chegou a súa quenda, Regina e Ramón colocaron a maqueta no centro do stand. O dinosauro semellaba escintilar un ollo grazas a un adhesivo mal posto, o que arrincou as primeiras risas do xurado.
Regina, coa axuda de Agostiño, empezou a explicar o menú con nomes xurásicos, e Ramón sacou gráficos e números que demostraban a viabilidade do negocio. A combinación era tan rara que resultaba encantadora. As persoas do xurado non puideron evitar sorrir.
O mellor chegou ao final, cando ofreceron ás persoas visitantes unhas minidegustacións que preparara Regina coa axuda de Carmenchu: pequenas galletas en forma de dinosauro recheas de chocolate.
—Ei, estas diplogalletas están riquísimas! —gritou un neno coa boca chea, mentres corría por outra.
O stand de Regina e Ramón cheouse en cuestión de minutos. Non sabían se gañarían o premio, pero si que estaban conseguindo o máis importante: que todo o mundo desfrutase da súa idea.
—Misión cumprida —dixo Ramón.
E sen importarlles quen gañara ou non, Ramón e Regina felicitáronse. Verdadeiramente conseguérano.